jueves, noviembre 15, 2007

Nunca mais: 5 anos

Parece que fué ayer, por lo fresco que lo tengo en la memoria, pero ya han pasado 5 años desde el desastre del Prestige. Ayer el mail que recibí de un muy buen amigo me pareció ideal para ponerlo hoy en el blog y recordar que NO todo está arreglado ni mucho menos.



Pois si, un cabodano malo, coma case todos pero xa vai aló un lustro. Cinco anos atrás estábamos, como un martes calquer de novembro tomando unha caña nunha taberna de Lugo. Eu traballaba daquela na Universidade, facía un choio malísimo de colgar información para os alunos de enxeñaría que non tivesen moita gana de ir á clase nunha páxina web. Era unha tarde desas que se achegan despacio pero a cara de can: Chovía a intervalos e o vendaval arrastraba a auga para que nin o paraugas tivese a suficiente paciencia de soportar tanto empurre. Vivíamos en Primavera permanente, ou case. A rúa Primavera foi, para que te fagas unha idea, así como a comuna de París, nunca había un momento no que non pasase algunha personaxe interesante para botar unha parrafada, para tomar un café ou simplemente para decidir o próximo paso a dar en calquer conspiración tabernaria que se nos ocorrese.
Dicíache que aquela tarde chovía con insistencia e parei nun restaurante onde acostumábamos a comer un churrasco de xata do máis exquisito da provincia: Nada máis entrar había un rebumbio pouco normal. Alí estaban todos os que vivían no número 5 de Primavera, os que vivian no número 10, os que vivian no 1 de Rio Chamoso máis algún despistado que con nós cadraba por alí tan a miúdo como parábamos nós (que viña sendo case todos os días). Na televisión de Galicia daban a nova dun barco que tiña un problema coa marea e que se aproximaba á costa cunha ferida enorme que amiazaba con verter un millón de toneladas de fuel na Costa da Morte. Sabíamos que había mar grosa, sabíamos que o vento estaba a facer todo o que fai en inverno por alí, sabíamos que houbera unha chamada de socorro... Sabíamos, porque o levamos no sangue, despois de tantas veces, que outra nova catástrofe víñase enteira sobre nós. Sabíamos que se chamaba PRESTIGE.
A sombra negra, a Negrísima Sombra que cantaba Rosalía, camiñaba novamente cara a nós e estupefactos reventábamos os ollos contra a pantalla do televisor, sen respostas, sen forzas. Coa raiba metida no corazón apuramos unha cervexa, pedimos outra e marchamos para a casa como calquer outro día. A resignación, a bota de Bertolt Brecht, cinguida decidía por nós, sen nós, mentres Fraga ía de caza e o buque de salvamento marítimo, daba voltas arredor do Prestige negociando coa armadora de quen ían ser os beneficios do rescate. O Helicóptero de Helimer Galicia non deixaba de gravar os embates das ondas contra o costado ferido da besta. Unha mancha derivaba irremediabel contra as rochas de Fisterra. Na radio nada se sabía, na prensa escrita, todo contradicións. A televisión calaba a boca e os políticos decían que todo estaba arranxado.
Aquela fin de semana, volvín á casa no bus, como cada sábado pola mañá. Na radio comentaban que se o buque ía ser remolcado, que se non había barreiras, que se ía para Portugal, que se Xibraltar, que sei eu... Naqueles días a ignorancia non deixaba máis que aquel pequeniño repunte de rebeldía que algúns levamos dentro, se perguntase que estaba a acontecer na realidade.
Lembro ben que eu tiña que acompañar ao meu pai á Coruña para unha revisión por aquilo do corazón. Saímos da casa nun día de forte temporal. Tempo tíñamos e mesmo a miña nai dicía que se daba tempo podíamos achegarnos até a Costa da Morte para ver. Dentro de nós algo rañaba por saír entre tanta desinformación.
Por fin o barco partiu. E o delegado do Governo veña a dicirnos que non pasaba nada, que se partía ían remolcar cada unh dos anacos antes de afundir. E o barco para riba e o barco para abaixo. O Conselleiro de pesca dicía que todo estaba ben. Fraga chegou a Muxía "cos cartos na mao", coma se fosen pistolas. Algúns tímidamente convocamos unha asemblea na Faculdade de Veterinaria e pedimos o salón de xuntas pois coidábamos que, coma sempre, alí estaríamos catro. Pero non.
Foi tal a cantidade de xente que veu, que houbo que pedir o Auditorio. Para darlle contido á asemblea convocamos a dous economistas que recén chegaban de publicar unha tese sobre o impacto socio económico do Aegean Sea que rachara dez anos antes. Nel advertían que o problema non ía ser no momento presente, senón que as consecuencias prolóngaríanse máis de dez anos despois. Naquel auditorio abarrotado había estudantes, profesores, xente de Lugo do común, profesores visitantes doutros países, xornalistas, avogados, mestres de secundaria,... De súpeto atopámonos conque algo se estaba a mover e que aquela sensación de derrota de seis días atrás non era tal.
Os fillos dos mariñeiros do Morrazo e da Arousa, da Ría de Muros e Noia, de Muxía e Carnota, Fisterra, Camariñas, Ferrol, Cariño, Ortegal, Ribadeo, clamaban contra a usura. Algúns mesmo choraban. Lembro que ao meu carón, na mesa había un rapaz que era da confraría de pescadores de Bueu e xa daquela dicía que se as autoridades non salvaban o Mar, nós íamos salvalo. Naquel intre impresionoume. Deixei que falase durante quince minutos e logo tomou a palabra unha enfermeira do Hospital Xeral. Ela quería velo. Propuxo unha viaxe. Se a Televisión non informaba, nós íamos ser a televisión, se a prensa non falaba, nós íamos editar prensa, se non había radio, nós tíñamos internet e teléfonos móbiles.
Timidamente os intelectuais de Compostela reaccionaron. Encetouse a plataforma Nunca Máis.
O resto xa o sabes. Daquela hoxe lembramos poucos, pero onte, mentres escoitaba a radio pola tarde, véume á cabeza aquel inverno... Cinco anos son xa dabondos, pero o que nos contaron os biólogos está a cumprirse: As gaibotas teñen fuel e os polos que lles naces teñen fuel porque se transmite na cadea alimentaria. As capturas baixan e os mariscos ainda se depositan en lugares onde se escarabellas un pouquiño atopas manchas de fuel. Mariam ainda conserva unhas zapatillas manchadas porque nunca foi capaz de quitarlles o piche. Eu gardo unha memoria que quixera non fose a única. Quixera que cinco anos despois aquel feito intolerábel non se repetise Nunca Máis, e se hoxe melloramos e trocamos de goberno, non chega: Seguimos sen buques anticontaminación e cada día por diante da Costa da Morte pasan máis de 200 petroleiros como o Prestige que poden volverse outra vez, negras sombras, contra a nosa ignorancia.
Nada máis. Pensaba escribir algo máis poético, pero pensar no que supuxo aquilo e pensar no que temos hoxe non serven para enriquecerme a linguaxe. Só dicir que detrás do Prestige non só hai petróleo, hai usura incontrolada e Santo Beneficio, hai incendios forestais, hai balsas que rachan en Doñana e hai ríos que se poñen de cor azul, como este verao pasado en Pontevedra. Como esquecer, entón, o que berramos todos, porque tíñamos a forza do Atlántico, como esquecer Burla Negra Nunca Máis
Bicos
Oscar Antón

2 comentarios:

Oscar dijo...

Pois sinto non ser máis poético, pero non contaba con que ías publicalo, senón mesmo ensaiaría coas letras. ;-D

galletitas dijo...

O q importa e o sentimento impreso nestas linas.

Foi una idea que me prendeú esta fría mañá.

Bikiños